Thursday 16 de May de 2024

Xunta e COAG inician a colaboración para enriquecer o regulamento da nova Lei do Solo de Galicia


A vindeira semana manterase un novo encontro para seguir avanzando na consecución dun marco urbanístico de consenso e realista

A Xunta de Galicia convidou hoxe ao Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) a enriquecer coas súas achegas o regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia co obxectivo de acadar un marco urbanístico de consenso e realista que sirva de ferramenta para dotar de dun planeamento de calidade á totalidade dos concellos galegos.

A Xunta de Galicia, a través da secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo esta mañá un encontro de traballo cunha representante do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elvira Carregado, para tratar para abordar as liñas básicas do documento, que o pasado 31 de marzo rematou o seu trámite de exposición pública.

Rivas Díaz trasladou a valoración que o equipo técnico da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo realizou sobre as 92 alegacións presentadas polo COAG ao articulado do regulamento, integrado por un total de 475 artigos, e ofreceu a posibilidade de seguir traballando a vindeira semana nun novo encontro, ao que se sumarían máis técnicos das dúas administracións.

Esta xuntanza enmárcase na rolda de contactos que comeza hoxe entre a Xunta e diversas institucións para valorar as alegacións presentadas. Nas próximas dúas semanas, están previstas reunións con representantes das administracións locais; FEGAMP; Colexio de Rexistradores; e COSITAL, asociación que engloba aos secretarios das entidades locais.

É preciso recordar que a nova Lei do solo de Galicia é a primeira da historia de Galicia que contará co seu propio regulamento, redactado polo mesmo persoal técnico da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo que previamente redactou a Lei 2/2016. Trátase dun regulamento integral, que inclúe xestión, planeamento e disciplina, o que facilitará considerablemente aos técnicos o traballo de aplicación.